A Mascarada Ibérica achega a cultura das máscaras tradicionais ao oriente ourensán
Viana do Bolo e Vilariño de Conso congregaron gran cantidade de público asistente durante a pasada fin de semana para ver as máscaras de case corenta entroidos tradicionais. As máscaras desfilaron chegadas desde Galicia, outras provincias españolas e tamén desde Norte de Portugal e Cerdeña.
O Vibomask Festival Internacional Mascarada Ibérica reuniu a pasada fin de semana, 19 e 20 de marzo, as máscaras de 37 entroidos tradicionais tanto nacionais como internacionais. As máscaras desfilaron chegadas desde toda Galicia, tamén de Zamora, León, Asturias, Cantabria e Guadalajara, e inclusive do Norte de Portugal e Italia.
Esta sétima edición da Mascarada Ibérica, que tivo que suspenderse o pasado ano debido á pandemia, recuperouse neste 2022 con gran afluencia de público. A mascarada desenvolveuse en dous desfiles que tiveron lugar na tarde do sábado 19 de marzo en Viana do Bolo, e o domingo 20 de marzo pola mañá en Vilariño de Conso.
O evento estivo completado cun amplo programa durante os dous días de duración do mesmo que incluíu relatorios, exposicións, actuacións musicais e ata un mercado de produtos locais.