As casas da Rúas Real, de San Roque e San Mauro forman o Casco Vello do Barco. Se te sitúas na propia Praza Maior, de costas ao río, verás o antigo casino da vila que recoñecerás pola súa pedra vermella na fachada e tamén divisarás a torre da Igrexa de San Mauro, un referente do skyline da vila.
A praza Maior preséntase aberta ao río coma se fose ao mar, e desde o seu balcón podes admirar o paso do Sil e divisar o porto da Barca, lugar no que a antiga barca de Viloira pasaba á veciñanza dun lado ao outro do río, sendo o xerme da vila alá polas primeiras décadas do século XVI. O nome do Barco de Viloira conservouse ata ben entrado o século XVII.
O mellor é gozar sen présa do ambiente da praza tomando algo, sentándote nos seus bancos ou asistindo a unha actividade cultural ou festiva das que levan a cabo nela!